Votar Nulo resolve?

Se estades fartos do funcionamento do Concello e de que todos se comporten exactamente igual, a LIGA VECIÑAL POLO VOTO ÚTIL, tenche unha proposta para as próximas elecións municipais. A LIGA VECIÑAL POLO VOTO ÚTIL non che pide que votes a este ou aqueloutro partido nin determinada Plataforma, non che pide nada para ela nin para quen a compón, senón que expreses o teu descontento con todos os que non te defenderon ata agora, mediante o Voto Nulo cuantificable, cunha papeleta que xa che faremos chegar ao seu debido tempo, e na que se farán constar as razóns polas que non votas a ningún deles.

¿PORQUÉ VOTO NULO?

Porque queremos que os nosos votos valan para algo! Se escollésemos este ou aquel político, tal vez elixisemos un ovo san para colocar na cesta dos ovos podres, pero todos sabemos que un san no medio dos podres, apodrece. O problema non é que algúns políticos sexan podres. O problema é que a maioría ten costumes apodrecidas. Basta ver como votan e se protexen os uns aos outros, como conservan os seus priviléxios e as súas impunidades ata por mezquindades ou delictos comúns. A historia recente deste País está chea de anécdotas que poderían ilustrar perfectamente o que falamos. Por iso, co voto nulo queremos dicir que estamos contra a podredume e non contra este ou aquel político podre.

ENTÓN, ¿PORQUÉ VOTAR NULO?

Se estás contra a pena de morte (é un exemplo), non ten sentido que elixas entre que instrumentos son mellores ou menos crueis para matar a alguén. ¿Pode acaso existir un sistema de matar máis simpático ou menos cruel para matar? Se estás contra que te aten polo pescozo, non se trata de escoller que vai asegurar mellor a corda, senón de buscar a forma de acabar co costume de poñernos a corda ao pescozo.
Porque non estamos contra este ou aquel político: ¡estamos contra o sistema político que permite estas cousas!. O Sistema Político que temos é un perpetuador da corrupción, do nepotismo e da impunidade. Os partidos teñen a reserva da representación e escollen (e mal) as persoas a que nós podemos votar. E só podemos votar aos que eles escolleron previamente, entre eles, sen contar conosco. Unha vez eleitos, ¿quen os tira de alí se son corruptos ou, si fan o contrario do que nos prometeron nas campañas electorais? ¡Só eles mesmos! Claro que a xente pode presionar. Mais se eles non quixeran, nada dariamos feito. O Sistema Político está podre, e haberá que cambiar moitas cousas para vivir realmente nunha sociedade democrática e realmente libre. O actual sistema é o culpable de permitir tantas e tantas podredumes como a que propicia o urbanismo salvaxe que pretende acabar co País se nós non acabamos antes con él. O actual Sistema Político, aínda que de cando en vez permite que os “demasiado evidentes” vaian ao cárcere, absorve e apodrece todo o que toca.

¿VOTAR NULO RESOLVE?

Non, mais xa é un comezo. É un recado claro de que non nos chega só co momento das eleccións, que queremos fiscalizar, que queremos voto optativo,que queremos o fin da impunidade, que queremos poder tirar da poltrona a quen nos enganou, que queremos ser consultados cando se dirimen as nosas normas e as infraestructuras que van afectar ás nosas vidas, que queremos partidos responsables e non vagos, que queremos poder elixir candidatos independentes dos partidos, que queremos ser cidadáns e non súbditos, que non queremos que se viva a política como unha carreira profesional, a onde van parar, por certo, todo tipo de parásitos sociais sen oficio nin beneficio. O Voto Nulo é só un recado. É só un comezo. Mais xa é algunha cousa. É o comezo dunha toma de consciencia.

¡VOTO NULO! ¡VOTO ÚTIL!

Queremos que os nosos votos sexan útis. E non utilizados por este ou aquel outro candidato para “arrombar” a súa vida e a vida dos seus compadres. Útil para dicir que non concordamos nin un minuto máis con tanta impunidade, tanto roubo e tanta podredume, e que tamén QUEREMOS UNHA REFORMA POLÍTICA!!! Para que as listas sexan abertas, os candidatos revocables e non impunes, e que no interior dos partidos exista verdadeira democrácia.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Votar Nulo resolve?

  1. Noé Cano Correa di:

    Boas. O voto nulo é un medio, non un fin. Foi un medio moi útil pra ver o descontento da xente no 2007. Eu votei nulo e fixen campaña por el. Pero nestas eleccións penso que vos equivocades pedindo o voto nulo outra vez. Na política como en todo, o doado é dicir non, destruir, o máis difícil é sempre ofrecer cousas e crear. Pra estas eleccións decidín formar parte da Agrupación de Electores de Redondela porque me parece unha semente que se axudamos a medrar, servirá pra cambiar as cousas, creo que a xente de esquerdas que fuxe da partitocracia debería apoiala. Lamentaría que non dedes o voso apoio por motivos persoais, por malas relacións entre xente do colectivo veciñal e da AER, pero penso que é a razón principal. Sería unha pena antepoñer intereses particulares a intereses colectivos, xusto do que coxea a dereita.
    Na presentación da AER houbo xenta da liga veciñal preguntando onde estabamos nas protestas que houbo en Redondela. A maioría da xente que formamos a AER estivemos a título individual en case todas as protestas, na medida que nos foi posible. Eu fun ás manifestacións en contra da autovía, fun á manifestación en favor dos explotados de URBASER, repartín sempre no traballo todas as papeletas do voto nulo, do polígono, da autovía, salva o tren, etc. fun ás dúas folgas xerais aínda que non apoiaba aos sindicatos maioritarios…
    Lendo as razóns polas que se pide o voto nulo creo que non hai ningunha razón que impida participar na AER e apoiala. A AER non é un partido político, as listas son abertas a toda a xente, persigue que a xente participe máis na política mediante asambleas e teña voto mediante plenos asamblearios perseguindo unha democracia directa, pide que se baixe a retribución da corporación municipal, loita por un uso normal do galego, defende os servizos públicos, a sostenibilidade ambiental…
    Nestas eleccións eu votaría nulo se non se fixese a Agrupación de Electores. Creo que estamos nunha ocasión histórica pra mudar o xeito de entender a democracia. Estou sorprendido da cantidade de xente xoven que se empeza a preocupar pola política. Agardamos que nos vindeiros 4 anos haia contactos pra xuntar a Liga Veciñal do voto nulo, a AER, a xente da FPG e de EU para que haia unha alternativa de democracia real XA.
    Saúdos

Os comentarios están pechados.