Manifesto 2.011. VOTO NULO, VOTO ÚTIL

O próximo 22 de Maio estamos convocados ás urnas para votar aos representantes públicos en tódos os concellos do País e nalgúns parlamentos autonómicos do Estado.

Os representantes elixidos terán ao seu cargo a xestión de miles de millóns de euros durante un período de catro anos, motivo dabondo para os votantes extremarmos as precaucións.

Ao longo dos últimos anos o nivel de corrupción política tense disparado de forma alarmante. Ollamos como se fomenta de maneira sistemática o mesmo sistema caciquil, o atraso, a rutina, a venda de favores que son dereitos, a ocultación, a provocación,o urbanismo caótico…, accións que significan brutais agresións contra o medio ambiente, contra o noso patrimonio e, en definitiva, contra a nosa calidade de vida.

Por tal motivo, o voto nulo é a mellor opción. Entendemos que esta opción cumpre con todos os requisitos democráticos; castiga a partitocracia, non renuncia ao exercicio do sufraxio universal (un dereito gañado co sangue dos demócratas ao longo da Historia), e castiga aos políticos; mais non de maneira ambigua e inexpresiba, senón emitindo un voto cunha clara e contundente mensaxe de rexeitamento. Chegou a hora de dicir “NON” á indecencia cando votamos, o único momento de verdadeiro poder que nos queda como cidadáns.

O sistema funciona moi ben para a clase política, pero moi mal para a cidadanía. Aquí e agora non son cribles estes partidos, nin despertan interese nin entusiasmo, porque existe unha crise de representatividade.

Con todas estas circunstancias sobre a mesa, debátese libremente as posibilidades de acción de cara ás eleccións municipais do próximo mes de Maio. Ao propor aos redondeláns unha papeleta que canalice o rexeitamento ao funcionamento de todos os partidos políticos que se presentan ás eleccións, será considerada como VOTO NULO e o seu deseño servirá para cuantificar eses votos nulos comprometidos que buscan outro tipo de democracia, máis directa e participativa.

Maniféstase, deste modo por segunda vez, o total rexeitamento ao xeito de gobernar, máis tamén para obrigar a que se amosen propostas que muden o fondo e a forma de facer política. Unha opción que deixe en evidencia a multidude de mentiras que ao ser reiteradas por tódolos poderes tanto fácticos coma “democráticos” pretenden converterse en verdades inmutables. Afirmacións como que “A democrácia representativa é a única posible”. Nós pensamos que é moito máis desexable a
democrácia directa, mediante listas abertas, plenos asemblearios e cunha participación continuada de tódolos cidadáns nas decisións.

votonuloredondela@gmail.com, 14 de abril do 2.011

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.